Monday 06 de May de 2024

Ames e Brión asinarán un convenio marco para desenvolver distintos servizos de xeito conxunto


Esta semana os alcaldes de Ames, José Miñones, e de Brión, José Luís García, mantiveron unha xuntanza para establecer os pasos que se van a dar nas vindeiras semanas en diferentes frontes que están abertas como son os temas da mancomunidade de Santiago, o modelo de xestión da nova ETAP, que foi inaugurada recentemente e que dá servizo a ambos municipios, e do convenio marco que van asinar a vindeira semana Ames e Brión para desenvolver distintos servizos de xeito conxunto.

Sobre o asunto da Mancomunidade de Santiago, na que se retomaron a pasada semana as xuntanzas entre os concellos que forman parte deste organismo, o rexedor municipal de Ames indica que “dende Ames somos algo escépticos no que se refire ao deseño da propia mancomunidade. Ambos alcaldes coincidimos en que se ten que facer en base a uns obxectivos para saber exactamente o que se quere facer dende este organismo. Partindo dese punto hai que empezar a traballar e coñecer a opinión de todos os municipios que forman parte da mancomunidade. Despois de Semana Santa temos unha nova xuntanza na que se deberán poñer encima da mesa todas as alternativas que haxa”.

Neste sentido, José Luís García indica que “en Brión estamos dispostos a estudar o que nos propoñan e optar pola opción que máis conveña aos veciños, pero somos moi escépticos co futuro da Mancomunidade de Santiago. Escoitaremos o que se propoña, en especial no referente ao parque de bombeiros, pero eu sempre defendín que a mellor solución non pasa nin por fusións de municipios nin por manter entidades que supoñen un gasto, senón simplemente por acordos de un, dous, tres ou máis concellos que se sentan e asinan un convenio de colaboración”.

Por outra banda, falaron da recente inauguración da nova ETAP, que está situada na parroquia de Lens e que presta servizo aos dous municipios. Sobre este asunto ambos alcaldes estableceron un calendario de prazos para ir desenvolvendo varias accións de xeito conxunto. En primeiro lugar, insisten en que desexan ter unha xuntanza coa conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e co director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, para solicitarlles que a explotación da potabilizadora se faga por parte de Augas de Galicia durante o ano de garantía ou polo menos mentres non se remate o proceso de licitación do Ciclo integral da auga do Concello de Ames.

“A día de hoxe segue sen recibirse contestación por parte do ente autonómico e para a próxima semana insistirase na solicitude desta xuntanza, de xeito que permita desbloquear o uso da instalación. Confío na palabra da conselleira que no día da inauguración da ETAP me confirmou que nos sentaríamos a falar deste asunto e espero que dita reunión sexa o antes posible”, afirma o alcalde de Ames.

Miñones indica que “loxicamente os custes deste servizo serían asumidos por ambos concellos. Despois haberá que ir elaborando un convenio de colaboración e explotación da nova ETAP, no cal tamén haberá que incluír un apartado que faga referencia ao servizo de seguridade que deberá ter esta infraestrutura. Dependendo da resposta que nos dean na Xunta de Galicia, estableceremos diferentes mecanismos de acción para levar a cabo e poder ter dispoñible este servizo de cara aos meses de verán. Na actualidade dende Ames xa estamos traballando nos pregos do Ciclo integral da auga co escenario da potabilizadora para a súa inmediata licitación”.

O alcalde de Brión apunta que “o único que pedimos da Xunta é que nos traten igual que trata a outros concellos, simplemente. De todos modos, independentemente do que decida a Xunta, nós imos achegar o que nos falta por pagar da instalación e os veciños poden estar tranquilos porque haberá auga e prestaremos un servizo de calidade, sexa coa colaboración da Xunta ou sen ela”.

Sinatura dun convenio marco

Por último, os alcaldes de Ames e Brión anuncian que a vindeira semana asinarán un convenio marco no que xa se incluirán accións específicas como o programa integrado de emprego InserAmes-Brión, que se leva desenvolvendo varios anos de xeito conxunto. Ademais vaise a poñer en marcha outro convenio en materia de obras para que a maquinaria que ten o Concello de Brión poida ser empregada para o asfaltado das pistas do municipio de Ames. Neste convenio haberá que detallar varias cuestións relativas ao persoal, o uso desta maquinaria e a posibilidade de establecer unha brigada conxunta, aínda que estes temas terán que ser tratados previamente na Mesa Xeral de Negociación con representantes do persoal.

Tamén se está traballando noutros convenios como poden ser a “Tarxeta cidadá”, que lle permitirá á veciñanza de Ames e Brión utilizar distintas instalacións que están situadas en ambos municipios. José Miñones destaca que “o obxectivo é asinar un convenio marco entre ambos concellos ao que despois se lle irán engadindo convenios específicos. Nun primeiro momento asinaremos o devandito convenio marco con algún convenio específico de colaboración. No convenio marco xa levamos tempo traballando e esperamos poder asinalo a comezos desta próxima semana”.

Pola súa banda, José Luís García indica que “estamos moi preto de asinar un convenio do que se beneficien os veciños de Ames e de Brión. A nosa brigada de obras e a nosa maquinaria están dispostos a colaborar con Ames e agardamos que tamén haxa disposición pola outra parte porque entendemos que esta colaboración é boa tanto para Brión como para Ames”.

Ambos alcaldes coinciden na necesidade da compartir servizos enfocada na busca dunha xestión mais eficiente e o conseguinte aforro económico como mecanismo fronte á fusión de concellos que promoven outros partidos.